Sunday 12 de May de 2024

Turismo de Galicia e a Secretaría de Turismo de Paraguai asinaron en Fitur un acordo para a cooperación conxunta no eido turístico


A directora de Turismo de Galicia e a Ministra de Turismo de Paraguai asinaron, en presenza do Secretario Xeral da OMT, o convenio de colaboración para poñer en marcha iniciativas conxuntas de promoción turística

No marco da celebración da 35 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, Turismo de Galicia e a Secretaría Nacional de Turismo de Paraguai asinaron un convenio de colaboración para o fortalecemento da cooperación conxunta no eido turístico.

O dito acordo formalizouse coa sinatura da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a Ministra de Turismo de Paraguai, Marcela Bacigalupo, en presenza do Secretario Xeral da Organización Mundial de Turismo (OMT), Taleb Rifai, e ten como obxectivo fortalecer a cooperación conxunta no campo do turismo e propiciar vantaxes recíprocas para o beneficio dos sectores turísticos de ambas as dúas rexións.

Deste xeito, a colaboración entre a administración turística galega e mais a Secretaría Nacional de Turismo de Paraguai centrarase na promoción da imaxe de ambos destinos participando en diferentes actividades que representen un potencial para o desenvolvemento do turismo.

Así mesmo, o dito convenio fomentará e apoiará o intercambio de experiencias, en especial do Camiño de Santiago e da Ruta Xesuítica, Escolas de Formación Hoteleira Turística, datos estatísticos, materiais informativos e calquera outra información de interese mutuo para os seus sectores turísticos.

Ao tempo, promoverá a realización de programas de capacitación e formación de estudantes de ambas rexións no sector do turismo e alentará o fluxo turístico, mediante a difusión dos materiais informativos sobre os eventos culturais que teñan lugar en Paraguai e en Galicia.

Encontro previo en Galicia
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo un encontro previo en Galicia coa ministra de Turismo de Paraguai, Marcela Bacigalupo, o pasado mes de decembro.

Na reunión xurdiu a posibilidade de firmar o dito acordo de colaboración para traballar así conxuntamente nas dúas rutas de peregrinación que atravesan Galicia e Paraguai e continuar co fomento da peregrinación en ambos os continentes.

Durante o encontro, a responsable de Turismo de Paraguai interesouse polo termalismo, afirmando que Galicia é un referente internacional neste ámbito.

Así mesmo, a ministra de Turismo de Paraguai tivo a oportunidade de visitar, durante a súa estadía en Galicia, o Centro Superior de Hostalería de Galicia, do cal destacou o alto nivel dos profesionais e a calidade da formación do sector turístico en Galicia.

Ao tempo, a ministra de Turismo de Paraguai recibiu a medalla de ouro da Orde do Camiño en recoñecemento ao seu labor a favor da promoción e difusión do Camiño de Santiago.